Son da Vella usa cookies.
Para o correcto funcionamento da páxina, Son da Vella utiliza cookies. Pode ver as condicións de uso da páxina facendo click aquí: CONDICIÓNS DE USO (Aviso legal)
Se continúa navegando enténdese que as acepta. Pode facer desaparecer esta mensaxe confirmando no seguinte botón:
ELEMENTOS IMPORTANTES:
Ponte medieval Ponte antiga Zona de baño Cazoletas Rocha singular Cova Nacemento auga
HÁBITATS:
Bosques Montes Acuático doce
NIVEIS DE ELEVACIÓN:
INDICACIÓNS IMPORTANTES:
Ruta de mediana dificultade en canto á inclinación. Ademais, así como nos achegamos ao cumio as silvas, toxos e camiños estreitos aumentan a dificultade. Aconsellamos botas e vestimenta resistente.
Hai certo risco de caída a causa das pedras e zonas con moita altura preto do camiño. Non recomendábel para menores de 12 anos.
Comezamos o roteiro dende a canle de Mirón, alí xusto en fronte, parte o camiño que nos levará ata Outeiro dos Mouros. Primeiro atravesaremos o monte de Mirón, por Chan Grande, este é practicamente un eucaliptal salpicado dalgún carballo e piñeiro. O camiño segue preto de Outeiro das Campanas, un lugar moi significativo da zona pero no cal non nos detemos. A medida que subimos a vexetación vólvese máis de montesía e as rochas graníticas na superficie son máis comúns. Levados máis de 2 km de percorrido en subida chegamos a un camiño pequeno que se interna no monte á dereita da nosa dirección. A partir de aquí a ruta complícase, sendo de dificultade media debido ao estreito e pedregoso da zona. Atención a silvas e toxos que nos poden trabar os pes. Á marxe da dificultade tamén dicir que todo toma un cariz diferente, o terreo é moi agreste, estamos moi lonxe de calquera punto poboado, a zona ten unha actividade alta de xabaríns... Todos estes elementos están presentes a medida que nos acercamos á Rega do Inferno.
E aparece a primeira cova granítica. A partir deste punto todo cambia, se nunca estiveches na zona coa visita da primeira cova descubrirás a grandeza do lugar. Despois vén a Presa do Inferno, elemento moi curioso, que atravesamos por enriba e que nos adentra "noutro mundo".
As covas vanse sucedendo unhas tras outras, con cadansúas características singulares, con moitos detalles por ver e investigar. Tamén imos vendo as rochas singulares que invitan a pensar en traballos anteriores ou efectos xeolóxicos moi especiais. Todo é misterio e especulacións e non pretendemos facer moito "spoiler" do lugar xa que é unha visita obrigatoria para calquera amante da natureza e da historia.
A ruta segue subindo pola montaña, e vaise facendo ardua a tarefa de chegar ao máis alto desta. Non a culminamos no Coto do Inferno pero unha vez que a ruta volve á pista pasa moi cerca da ascensión ao cumio. Nós aconsellámolo, pero tamén dicir que nesta ruta faríase excesivo.
O descenso faise dereito a través do monte pero por pistas percorridas habitualmente.
018.ALMOFREI- "No monte de Mirom estremando c'o nosso monte, pola regota de Cachom arriba, hai un sitio que lle chaman o Muínho dos Infernos porque se sente debaixo da terra un ruído como o trabelo dun muínho, e dizíam qu'era un encanto. Eu oíra-lhe falar del a C.de Graciana, qu'era de Mirom, pero casado aquí en Almofrei. O' rapázer' fomos alá a cachear por el e, efectivamente, ó pasar pola beira do regueiro escoitava-se talmente, debaixo dunha pedra o ruído dun muínho a moer(e). Pero eu levaba unha vara e metim-lha por un burato debaixo da pedra e o ruído cambiaba de todo, parou o "taque, taque", e ó tirar-lha volveu-s' escoitar(e).Isto eram-che landainas pa lhe dar a gente cabiladeiras, outros espectáculor'n'os havía, televisiom tampouco, e velaí!."
022.ALMOFREI- "No monte de Cachom, ja do lado de Mirom, aparecía unha Velha todo-lor'-días ár'doce da noite,que dis-que gardaba dum tesouro. Foram alá unr'd' Almofrei cum livro, e tinhan que dizir unhas palavras, primeiro lê-las e despois traslê-las (lêlas ao revés), pero co'a cagana non forom quem de acabá-lo esconjuro".
REFERENCIAS: Materiais de literatura oral da Terra de Cotobade. pxna75. Ramiro Barros Justo.
"A Bruxa chamábase Rosa Malvar Sanmartín, era filla de solteira. A súa nai traballaba nun pazo en Mos, fixéronlle a Rosa e foi vivir pra Mirón e alí criouse Rosa, ao Pé do Outeiro dos Mouros, polo que corre a rega dos infernos e soa o muíño do inferno. Rosa tiña o poder de falar coas Ánimas (almas en pena por ter algo pendente na sua vida) e ás veces falaban a través dela trocándolle a voz segundo fora muller ou home o que se comunicase".
REFERENCIAS: Testemuño de María Pazos Martínez, afillada da Bruxa ROSA DE MIRON.