Son da Vella usa cookies.

Para o correcto funcionamento da páxina, Son da Vella utiliza cookies. Pode ver as condicións de uso da páxina facendo click aquí: CONDICIÓNS DE USO (Aviso legal)
Se continúa navegando enténdese que as acepta. Pode facer desaparecer esta mensaxe confirmando no seguinte botón:

«
  
 Acceder  -  Rexistrarse  

 

 

Bioindicadores da calidade da auga dos ríos de Galicia

Bioindicadores da calidade da auga dos ríos de Galicia

A calidade das augas en ríos e regatos ten un impacto directo para todo o ecosistema, tanto para os hábitats acuáticos coma para toda a vida dependente desa auga. Para coñecer as súas condicións, ademais das análises químicas habituais, existen outros métodos baseados na ausencia ou presenza de determinados organismos. Estes bioindicadores permítennos coñecer, dunha maneira xenérica, a saúde do seu ecosistema segundo a especie da que se trate.

En Galicia, onde contamos cunha extensa rede de ríos e regatos, os bioindicadores permítenos facer unha análise a curto e longo prazo do estado do medio natural, a través da presenza continuada ou por episodios puntuais de proliferación ou escaseza de determinados seres vivos. Ademais, Galicia conta con especies autóctonas nos cursos de auga que nos facilitan estas observacións.

Na actualidade, a comunidade científica conta con moitos métodos e protocolos para recabar datos da calidade por bioindicadores. Sistemas como o Índice BMWP (Biological Monitoring Working Party) ou o Índice ASPT (Average Score Per Taxon) son de uso habitual polos técnicos, que recollen mostras de insectos, moluscos, algas, anfibios, peixes e outras especies relevantes para posteriormente analizalos no laboratorio.

Sen entrar en análises profundas de calidade, tamén se pode determinar a grandes trazos a saúde dos ríos ou regatos, incluso de pozas, lagoas e marismas, pola presenza ou ausencia de determinados organismos. Isto non nos permitiría facer un veredicto final, pero achéganos a ter unha idea xeral do estado da auga. Estes seres vivos non nos darán certezas absolutas, nin servirán para coñecer a potabilidade da auga para o seu consumo, pero si nos permiten ter unha perspectiva xeral do estado dos hábitats. Tamén habería que distinguir entre diferentes tipos de ecosistemas. Non é o mesmo a calidade dunha poza, onde as augas están estancadas, con menos osíxeno e con máis partículas en suspensión; ou a dun río onde se esperan augas máis limpas e aireadas. Ás veces pode acoller máis vida e biodiversidade unha poza turbia que un río con auga limpa, pero ecoloxicamente degradado.

En liñas xerais, un coñecemento amplo dos seres vivos que nos rodean permítenos manter un control sobre o estado ambiental no que habitamos. Hai unha morea de bioindicadores dos que podemos sacar moitas conclusións, sempre dependendo do hábitat que queiramos analizar. O importante sería coñecer, nun ecosistema, que seres vivos deberían habitalo, e na observación da súa presenza ou ausencia determinaremos o estado de saúde do mesmo.

Imos ver algúns exemplos destes bioindicadores tan diversos, sobre todo daqueles que nos permiten catalogar os ríos e regatos e a saúde xeral dun ecosistema.

Salamántiga galega

Chioglossa lusitanica

Comezamos esta lista cun dos mellores bioindicadores dos nosos ríos e regatos. Trátase da Chioglossa lusitanica, coñecida popularmente como salamántiga galega ou rabilonga. Esta especie habita principalmente en zonas de bosque caducifolio atlántico, en cursos de augas limpas, frías e ben osixenadas.

Este anfibio está catalogado no noso territorio como especie vulnerable, en risco de desaparecer debido á contaminación dos seus hábitats, á substitución do bosque atlántico por especies como o eucalipto e o piñeiro, aos incendios forestais e á construción de infraestruturas como estradas nos seus espazos vitais.

A presenza da salamántiga galega é un grande indicador de espazos naturais equilibrados e de augas limpas e sas. Pouco a pouco, a súa presenza é máis escasa en toda a comunidade galega, un claro indicador do declive dun bosque atlántico que foi tan característico de Galicia e que hoxe en día quedou reducido a pequenas reservas.

Merlo rieiro

Cinclus cinclus

Trátase dunha ave moi vinculada ás correntes de augas frías e limpas. Se a atopamos nun río ou rego, probablemente se trate dun ecosistema ben conservado, xa que a súa alimentación se basea en insectos e larvas acuáticas que viven en augas libres de contaminación.

Ten unha grande habilidade para mergullarse e incluso pode camiñar polo leito das correntes de auga onde captura as súas presas. É moi doada de observar, xa que é unha ave moi activa, e a súa ausencia pode indicar un deterioro ou alteración da calidade do hábitat.

De momento, en Galicia podemos atopala en moitos ríos, e desaparece a súa presenza cando a calidade da auga diminúe, como pode ocorrer ao pasar ese curso fluvial por unha zona urbana, industrial, de explotación gandeira...

Picapeixe

Alcedo atthis

Esta ave de aspecto tan fermoso é moi sensible ás alteracións dos ecosistemas onde habita. Para poder capturar os peixes pequenos que forman parte principal da súa dieta, necesita augas claras e limpas onde a vida se desenvolva sen contaminantes, polo que a súa presenza é un bo indicador do estado do río ou regato onde se atopa.

Ademais, para aniñar é necesario que dispoña de noiros con pouca perturbación humana e un ambiente tranquilo, polo que a súa ausencia non ten por que indicar unha degradación dos cursos fluviais, a non ser que anteriormente si habitase nese lugar.

A presenza do picapeixe en Galicia é común, pero o retroceso que sufriu nas últimas décadas indícanos que a actividade humana está a degradar pouco a pouco a calidade dos ecosistemas acuáticos.

Libeliña do luscofusco

Boyeria irene

A Boyeria irene é un odonato de gran tamaño e moi activa no serán galego. Pasa a maior parte da súa vida como ninfa acuática, principalmente en ríos con augas moi limpas. Esta fase pode durar ata tres anos antes de emerxer, polo que necesita cursos fluviais estables e libres de contaminación para completar o ciclo.

Xa como adulta, esta especie é unha grande cazadora debido á súa destreza e habilidade para capturar todo tipo de insectos en pleno voo. É nesta fase cando a poderemos observar acosando as súas presas nas marxes dos ríos e regatos, un bo bioindicador da calidade medioambiental destes cursos de auga.

Non é tan doado atopar esta especie na actualidade. En Galicia queda relegada a espazos con pouca perturbación polas accións humanas.

Besbellos

Ephemeroptera

Os besbellos son unha orde de insectos que pasan en estado larvario a maior parte da súa vida, cunha duración de poucas horas como adultos. De aí o nome Ephemeroptera, xa que trala metamorfose, a vida de adulto é efémera. Mentres están na primeira fase, necesitan ríos e regos ben osixenados para vivir, baleiros de contaminación química e orgánica.

Trátase dun dos mellores bioindicadores para a calidade da auga onde se atopen e son moi comúns en ecosistemas equilibrados. A súa ausencia en entornos fluviais onde se esperaría atopalos é unha advertencia dun estado de degradación do ecosistema.

 

Moscas das pedras

Plecoptera

Esta orde de insectos tamén pasa o seu estado larvario en regatos e ríos adheridas ás pedras, comendo outros artrópodos ou vexetais. Prefiren augas frías, limpas e ben osixenadas, e son moi vulnerables ás variacións na temperatura e no pH, ou á presenza de substancias nocivas.

Cando se usan protocolos como o índice BMWP (Biological Monitoring Working Party), os plecópteros son moi utilizados para a avaliación do estado dos hábitats acuáticos. Cando desaparecen dun tramo de río onde se viñan observando, pode indicarnos problemáticas como verteduras, deforestación, incendios, obras inapropiadas...

 

Moscas da auga

Trichoptera

Outra orde de insectos que son amplamente utilizados como bioindicadores son os tricópteros. Tamén teñen un estado larvario que se desenvolve na auga, onde constrúen pequenas casiñas con materiais do leito (area, pedra, ramas...). Moitas das especies de moscas da auga están relacionadas con ecosistemas pouco alterados, e a súa presenza ou ausencia indícanos o seu estado.

Hai especies máis esixentes coa calidade e outras máis tolerantes, e segundo as que atopemos podemos afinar os diagnósticos ambientais.

Fichas relacionadas

CLASIFICACIÓN: Animalia - Arthropoda - Insecta - Ephemeroptera
CLASIFICACIÓN: Animalia - Arthropoda - Insecta - Plecoptera
CLASIFICACIÓN: Animalia - Arthropoda - Insecta - Trichoptera



Chimarra
Chimarra marginata (Linnaeus, 1767)




Mosca da auga riacófila
Rhyacophila sp.




Mosca filotamus
Philopotamus montanus (Donovan, 1813)

CONTACTO:
Dispoñible por Whatsapp

Motivos do contacto:

Introduce o código de abaixo:


Captcha

Suscríbete á nosa NEWSLETTER.
Recibirás un email tódolos venres coas novas da semana.
Necesitamos o teu email

VISITA AS NOSAS REDES SOCIAIS:

Síguenos e participa en promocións e rutas, recibe as nosas novas e un montón de cousas máis.

 

Son da Vella® Tódolos dereitos reservados.

Condicións de uso (Aviso Legal)

O EQUIPO DE SON DA VELLA