Son da Vella usa cookies.

Para o correcto funcionamento da páxina, Son da Vella utiliza cookies. Pode ver as condicións de uso da páxina facendo click aquí: CONDICIÓNS DE USO (Aviso legal)
Se continúa navegando enténdese que as acepta. Pode facer desaparecer esta mensaxe confirmando no seguinte botón:

«
    
 Acceder  -  Rexistrarse  

 

 

O Castelo de Tenorio

O Castelo de Tenorio

Ao noroeste do concello de Cerdedo-Cotobade atópase o Monte Castelo. Trátase dun monte que se eleva a 500 metros sobre o nivel do mar e destaca pola súa altitude na contorna, erguéndose como un templo natural visible perfectamente desde as terras circundantes. Monte Castelo está coroado por varios outeiros coñecidos polos seus topónimos que aluden ao seu pasado de fortificación e ás lendas mitolóxicas vinculadas ás xentes de Cotobade.

Na Idade Media (sen precisar a data), foi construído neste lugar o Castelo de Tenorio, un conxunto de enclaves defensivos no Monte Castelo. A fortificación principal situábase nun outeiro central do monte, rodeado de murallas defensivas e cantís rochosos de máis de 10 metros de altura, estratexicamente emprazado na rexión máis escarpada e con vistas panorámicas sobre a comarca. Aínda se poden apreciar na zona restos dos antigos muros defensivos e rochas especialmente traballadas e adaptadas para este propósito.

Na cara sur da montaña atopamos o Coto da Torre e na cara nordeste a Torre do Castelo, onde supostamente se situaban as torres de observación e de defensa. Aínda que a vexetación cobre estes lugares e dificulta o acceso, os vestixios nas pedras traballadas testemuñan a súa presenza. Tamén aos pés da montaña houbo outras torres, como a Torre Vella en Tenorio, preto do mosteiro. A falta de evidencias arqueolóxicas exactas dificulta precisar estes lugares, e só podemos guiarnos pola toponimia e a tradición popular para facer aproximacións.

"Este Castillo y estas Torres, de todo lo cual aún hoy se ven algunas ruinas, estaban situadas en los parajes conocidos por los nombres del Castelo o Torre del Abad, la Torre Vieja, la del Castro y Ia de la Villa del Pozo." (Pax 24. El Castillo de Tenorio - Luciano del Rio Fernández, 1906).

As casas señoriais da zona pertencían ás familias Tenorio e Godoy, unidas a comezos do século XV, e eran os propietarios das fortificacións, compartindo poder co clero do Mosteiro de Tenorio, que tiña vastas terras na rexión. Foi neste século cando o Castelo de Tenorio se fixo famoso polos acontecementos históricos significativos nos que se viu envolto.

Antes de comezar cos relatos históricos sobre o castelo, un apunte. Segundo se recolle en "Materiais de literatura oral da Terra de Cotobade" de Ramiro Barros Justo, existe un pasado mitolóxico asociado aos mouros (seres mitolóxicos galegos) que dominaban a montaña e lugares como a Torre do Castelo ou Chan da batalla (lugar próximo ao antigo castelo onde seguramente aconteceron as diferentes loitas) debían o seu nome a estes míticos tempos. Antigas batallas tamén se narran neste contexto, moi presentes e habituais no folclore galego.

O primeiro evento relevante que trouxo fama ao castelo foi a Guerra irmandiña (1467-1469). Segundo a análise de Carlos Barros en “Os irmandiños de Galicia. A revolta en Pontevedra”, este período de revolta popular e conflitos sociais afectou profundamente á provincia. Os irmandiños foron responsables da destrución do Castelo de Tenorio, xunto con outros castelos que caeron nestes tempos tumultuosos. Non hai datos precisos sobre a toma e a destrución do Castelo de Tenorio por parte dos irmandiños, e os relatos poden ser confusos ou contraditorios. O que si se sabe é que o castelo reconstruiríase novamente ao rematar esta guerra.

Durante a Guerra de Sucesión Castelá (1475-1479), o castelo de Tenorio volveu a ser moi importante. Pedro Álvarez de Sotomayor, coñecido como Pedro Madruga, xogou un papel crucial na guerra apoiando a causa de Xoana "la Beltraneja", liderou diversas campañas en Galicia e foi recoñecido pola súa habilidade militar e astucia, a pesar das súas tácticas ás veces brutais. Dentro dos seus obxetivos militares atopáronse todos aqueles que apoiaban a Isabel "la Católica" como é o caso do dono do Castelo de Tenorio naqueles tempos, don Gregorio Tenorio de Godoy, e os seus defensores incluían aos cabaleiros Antonio Pazos de Probén, Gómez Pazos de Probén e os seus irmáns Jacome e García Pazos, e Antonio Pazos de Berducido.

Benito Antonio Godoy Figueroa, descendente dos Tenorio de Godoy, e frei Gregorio Escudero, superior do mosteiro beneditino de San Pedro de Tenorio, cruzáronse unha serie de cartas por motivos de terras e títulos en 1771, nas cales Benito Antonio fixo unha narración do Castelo de Tenorio e a súa rendición por Pedro Madruga. Esta narración está baseada na “historia elaborada” arredor de 1587 polo letrado Juan de Ocampo, que reproduce o relato do nobiliario de Juan Rodríguez de Padrón, testemuña presencial dos feitos. A continuación, un resumo deste texto que nos permite facer unha aproximación aos feitos que levaron á destrución do Castelo.

CASTELO DE TENORIO. SITIO E RENDICIÓN DO MESMO POR PEDRO MADRUGA

Don Pedro Álvarez de Sotomayor, sabendo que no castelo se refuxiaban estes cabaleiros, decidiu atacalos para consolidar o seu dominio en Pontevedra. Liderando o seu exército, lanzouse ao asalto. Os defensores, que estaban preparados, rexeitaron os ataques, aínda que con perdas significativas. Gregorio Tenorio de Godoy, Antonio Pazos de Berducido e García Pazos morreron na tentativa, mentres que Jacome Pazos foi capturado.

Vendo a dificultade de conquistar o castelo pola forza, decidiu sitiar a fortaleza. A decisión de Sotomayor non amedrentou ao cabaleiro Gómez Pazos de Probén, que defendeu cada día o castelo dos ataques. Mentres tanto, don Álvaro Alonso de Figueroa, señor da casa de Peito-Bordello e Coto de Bergondo, dono do Castelo e Torres de Vigo, pediu axuda a outros nobres galegos para socorrer o castelo de Tenorio. Reuniron tres mil homes, capitaneados por don Álvaro Alonso de Figueroa, e marcharon cara Tenorio. Pedro Álvarez de Sotomayor, informado da chegada do reforzo, enviou aos seus soldados veteranos e arcabuceiros para interceptalos.

A batalla desenvolveuse en Ponte Bora, onde a superioridade en número de Figueroa foi contrarrestada pola calidade das tropas de Sotomayor. Os arcabuceiros causaron o pánico entre as tropas de Figueroa, o que levou á súa derrota. Don Álvaro retirouse a Vigo tras perder cento cincuenta homes e deixar máis de cincocentos feridos. En Vigo, don Álvaro vingouse dos corsarios holandeses que suministraron os arcabuces a Sotomayor. Organizou unhas festas que atraeron aos corsarios e prendeu a cincuenta deles, que foron aforcados nas almenas do seu castelo. Tamén abordou os buques corsarios, matou ás súas tripulacións e apoderouse das súas armas.

En Tenorio, Sotomayor, incapaz de conquistar o castelo, puxo prezo á cabeza de Gómez Pazos de Probén. Un escravo, en quen Gómez confiaba, traizoouno e revelou o punto débil da fortaleza. Os soldados de Sotomayor asaltaron o castelo grazas á traizón, e tras unha feroz loita, Gómez Pazos de Probén morreu non sen antes matar ao traidor. Pedro Madruga mandou destruír o Castelo, un evento que marca un punto de inflexión na súa campaña militar e na historia da fortificación.

Este relato sobre a batalla fíxose famoso en Galicia, e tal como analiza Carlos Barros no estudo "Cómo vive el modelo caballeresco la hidalguía gallega bajomedieval: los Pazos de Probén", está máis centrado en propagar os ideais cabaleirescos e menos na precisión histórica dos feitos, mais pódenos dar unha idea cercana ao acontecido. 

As ruínas do Castelo e das Torres foron desaparecendo ao longo dos anos, usándose as súas pedras para diversos propósitos. Foi no Monte Castelo onde se fixeron famosos os Canteiros de Cotobade, que ocuparon a maior parte da zona con canteiras das que se extraeron pedras traballadas para toda a contorna.

 

ACLARACIÓNS:

Non queremos rematar sen aclarar que o presente artigo non pretende ser unha versión fidedigna dos acontecementos históricos aquí narrados, senón unha recopilación de diversas fontes que consideramos fiables e que quixemos contar da maneira máis amena posible. Aínda que os feitos aquí narrados están en contradición con outras fontes e coa tradición popular, buscamos achegar unha visión xeral dos eventos históricos relacionados co Castelo de Tenorio e coa súa importancia na historia da rexión.

É frecuente atopar relatos cruzados sobre as dúas batallas históricas acontecidas no Castelo de Tenorio, así como atribucións erróneas dos feitos da Guerra da Sucesión Castelá á Guerra Irmandiña. Non existe un relato detallado e fiable sobre a toma do Castelo por parte dos irmandiños nin sobre os danos sufridos.

Algúns relatos mencionan que Pedro Madruga foi o primeiro en usar armas de fogo en Galicia, mentres que outros sitúan este feito na Guerra da Sucesión, sendo realmente cando os arcabuces comezaron a ser empregados regularmente.

Este artigo tamén destaca a importancia da toponimia e da tradición oral na reconstrución dos eventos históricos, especialmente onde faltan evidencias arqueolóxicas precisas. A través da análise de diversas fontes, puidemos aproximar os feitos e a importancia do Castelo de Tenorio na historia da comarca de Cotobade.

 

REFERENCIAS :


Galicia: revista universal de este reino: Tomo V Ano VI Número 11 - 1865 xuño 1 - Pax. 13-15- El Castillo de Tenorio. Sitio y rendición del mismo por Pedro Madruga. Consultar fonte

El castillo de Tenorio - Luciano del Río Fernández.  Consultar fonte

Os irmandiños de Galicia. A revolta en Pontevedra - Carlos Barros.  Consultar fonte

Cómo Vive El Modelo Caballeresco La Hidalguía Gallega Bajomedieval: Los Pazos de Probén - Carlos Barros.    Consultar fonte

Galipedia: Pedro_Madruga.    Consultar fonte

Galipedia: Guerra de Sucesión castelá.    Consultar fonte

 

 

Fichas relacionadas

CONTACTO:
Dispoñible por Whatsapp

Motivos do contacto:

Introduce o código de abaixo:


Captcha

Suscríbete á nosa NEWSLETTER.
Recibirás un email tódolos venres coas novas da semana.
Necesitamos o teu email

VISITA AS NOSAS REDES SOCIAIS:

Síguenos e participa en promocións e rutas, recibe as nosas novas e un montón de cousas máis.

 

Son da Vella® Tódolos dereitos reservados.

Condicións de uso (Aviso Legal)

O EQUIPO DE SON DA VELLA