
O rato da fraga (Apodemus flavicollis) é unha especie de rato estreitamente emparentada co rato de campo, co cal foi moito tempo confundido, pero foi recoñecido como unha especie distinta en 1894. Diferénciase del pola súa banda de pelo amarelo arredor do pescozo e por ter orellas lixeiramente máis longas e un tamaño corporal tamén algo maior. Mide uns 100 mm de lonxitude media, pode gabear ás árbores e ás veces pasa o inverno nas casas. Atópase fundamentalmente en áreas montañosas do sur de Europa (incluíndo Galicia), pero esténdese ao norte ata partes de Escandinavia e Gran Bretaña. Pode contaxiar aos humanos un tipo de encefalite e unha febre hemorráxica causadas por virus dos que é reservorio natural.
Apodemus ponticus é probablemente un sinónimo de Apodemus flavicollis. O primeiro atópase en Rusia e a fronteira entre as áreas das dúas "especies" case coinciden coas fronteiras políticas entre Rusia e o resto de Europa. Actualmente acéptase que ambas son a esma especie.
É moi similar ao rato de campo, pero diferénciase por ter un rabo e orellas algo menores e unha banda completa amarela na zona do pescozo. A lonxitude do adulto de cabeza e corpo é de 89 a 133 mm cun rabo igual de longo, e o seu peso varía entre 28 e 43 g. A parte superior do animal é gris amarronada algo máis marrón que no rato de campo. As partes inferiores son brancas e hai unha liña de separación nítida entre as dúas zonas de cor. A parte superior dos individuos novos é máis clara que nos adultos pero tamén gris amarronada.