
O rato do campo (Apodemus sylvaticus) é unha especie común de roedor múrido de Europa e o noroeste de África. Está estreitamente relacionado co rato da fraga (Apodemus flavicollis), pero diferéncianse en que non ten unha banda amarela arredor do pescozo, ten orellas e un tamaño xeral menores. Mide como media uns 90 mm de lonxitude. Encóntrase na maior parte de Europa, onde está moi estendido e é común, é comensal dos humanos e ás veces considérase unha praga.
O rato do campo é un pequeno roedor, duns 8 a 10 cm de lonxitude, máis outros 8 a 10 incluíndo o rabo. Este está desprovisto de pelo e sempre é igual ou maior que o resto do corpo. A coloración do animal é avermellada-amarelada na parte superior, mentres que o ventre é abrancazado e o límite entre as cores está claramente delimitado. O macho adoita ser maior que a femia, aínda que non se pode considerar que exista dimorfismo sexual. Os ollos son grandes e escuros, a cabeza é grande e alongada e as orellas tamén son máis grandes, o que posibilita a súa diferenciación dos rato do xénero Mus.
O rato do campo habita en bosques, praderías e campos cultivados. Ocupa un amplo espectro de ecosistemas, e pode estar presente tanto en zonas semiáridas próximas ao mar coma a alturas que roldan os 1800 metros en zonas de clima temperado e húmido. É máis frecuente en ambientes con moderada cobertura vexetal arbórea ou arbustiva, porque así corre menor perigo de depredación, aínda que tamén está en zonas descubertas como pasteiros ou marismas, onde é unha especie estacional. As zonas de vexetación moi vizosa tampoco lle son favorable, xa que se beneficia de áreas de ecotono.