
A rata toupa, tamén coñecida como rata de auga setentrional (Arvicola scherman) é unha especie de roedor da familia Cricetidae.
Antes considerábase pertencente á especie Arvicola terrestris, pero presentaba dúas formas ecolóxicas: a cavadora, que habita nos macizos montañosos do suroeste e centro de Europa, e a semiacuática, que ocupa o resto da súa área de distribución. Recentemente propúxose unha nova configuración taxonómica na que os representantes semiacuáticos serían unha subespecie de Arvicola amphibius, e os morfotipos cavadores, que ocupan certos macizos montañosos europeos, pertencerían a Arvicola scherman. Segundo esta clasificación, as poboacións ibéricas corresponderían a esta última especie.
É unha especie de gran variabilidade morfolóxica ao longo da súa área de distribución. Na Península Ibérica está representada por morfotipos de pequeno tamaño, con dimensións corporais sensiblemente menores que a rata de auga común (Arvicola sapidus), e co rabo máis curto. Especie sen dimorfismo sexual, a coloración do pelame de A. scherman é diferente incluso a escala intrapoboacional, variando desde o pardo escuro ou pardo amarelado ata o gris; os flancos desde o pardo amarelado ou ocre ata o gris claro; na zona ventral predominan os tons agrisados e o rabo é xeralmente bicolor.