
O lobo (Canis lupus) é o maior membro en liberdade pertencente á familia dos cánidos. É un supervivente da idade de xeo orixinada durante o Plistoceno superior, hai uns 300.000 anos. A súa secuencia de ADN e máis os estudos sobre deriva xenética indican que o lobo comparte un devanceiro común co can doméstico (Canis lupus familiaris), sendo o seu parente máis achegado, malia ser esta afirmación rexeitada por algúns expertos, que sinalan grandes diferenzas no tocante á súa morfoloxía e comportamento. En liberdade foron identificadas un gran número de subespecies de lobo, aínda que o seu número exacto segue a ser un tema de debate. Os lobos son tipicamente superdepredadores nos ecosistemas nos que moran. Malia non seren tan adaptábeis como o son algúns dos seus parentes cánidos, os lobos lograron prosperar en fragas temperadas, desertos, montañas, tundra, taiga, pradeiras, e incluso zonas urbanas ou intensamente humanizadas, como é o caso de Galicia.
Tendo sido abondoso noutras épocas ao correr de Europa, Asia e Norteamérica, na actualidade a distribución do lobo no mundo minguou notabelmente por mor da destrución dos seus hábitats e da persecución sufrida polo ser humano. A pesar desta persecución, o estado do lobo no mundo é considerado pola Unión Internacional para a Conservación da Natureza (IUCN) como pouco preocupante. A día de hoxe, os lobos son unha especie protexida en moitos lugares, aínda que segue a ser cazada como especie cinexética ou daniña noutros.
Nalgunhas culturas, como a galega, o lobo está moi presente na súa etnografía, debido ao vencello que une á presenza do lobo nas áreas rurais nas que até hai pouco vivía a meirande parte da poboación galega. A especie de lobo que habita en Galicia é o lobo ibérico.