
A cabra montesa (Capra pyrenaica) é unha das especies de bóvidos do xénero Capra que existen en Europa, sendo as outras o íbice ou cabra dos Alpes, as cabras salvaxes do Cáucaso e a cabra doméstica. Trátase dun endemismo que actualmente non se atopa fóra das áreas montañosas da Península Ibérica.
A cabra montesa é unha especie con forte dimorfismo sexual, do mesmo xeito que moitos outros bóvidos. As femias miden uns 1,20 metros de longo e 60 cm de altura na cruz, pesando entre 30 e 45 quilos de peso. Teñen cornos bastante curtos e parécense bastante a unha cabra doméstica.
Os machos, en cambio, poden chegar aos 148 centímetros de longo e ter unha altura de 77 centímetros na cruz, acadando un peso máximo de 110 quilos. Os cornos dos machos son notablemente grosos e poden chegar a ser o triplo de longos que os das femias. Están máis separados entre si cós cornos doutras especies do xénero Capra. Os machos adultos teñen tamén unha cara máis alongada e a típica barba de chivo escura baixo a mandíbula.