
O cervo, ou veado, tamén coñecido ás veces como cervo común, Cervus elaphus, é unha especie de cérvido amplamente espallada polo Hemisferio Norte. Documentáronse unhas 27 subespecies distintas cunha área de distribución que se estende dende o Magreb, a Península Ibérica e Gran Bretaña ata gran parte de América do Norte, que se diferencian entre si polo tamaño, lonxitude e cor da pelaxe e forma das cornas. As seis subespecies de uapitís norteamericanos, outrora clasificados na especie propia Cervus canadensis, clasifícanse actualmente como subespecies de Cervus elaphus. Os cervos chegan á puberdade ao ano de naceren.
Cervus elaphus é un cervo de gran tamaño (só superado polo alce dentro do conxunto dos cérvidos vivos), cun tamaño ordinario de 160 a 250 centímetros de lonxitude e un peso nos machos de ata 200 quilos. Esta especie presenta dimorfismo sexual, sendo as femias máis pequenas e menos corpulentas cós machos; algunhas presentan pequenas cornas. Os individuos de sexo masculino presentan cornas que renovan cada ano e, nalgunhas subespecies, unha densa melena de pelo escuro no pescozo e nos ombreiros. A cor do pelo é normalmente parda en todo o corpo agás no ventre e os glúteos, esbrancuxados, e pode variar na intensidade da súa tonalidade segundo os individuos. As cría de poucos meses presentan unha coloración avermellada, con manchas e raias brancas que lles axudan a agocharse dos depredadores.
A dieta desta especie é exclusivamente vexetariá, cun maior peso de follas que de herbas.