
A trilladeira nival (Chionomys nivalis) é unha especie de roedor da familia Cricetidae. Tradicionalmente incluíase no xénero Microtus, mais estudos recentes, xenéticos e morfolóxicos avalan a súa inclusión no xénero Chionomys.
É un dos arvicolinos de maior tamaño, de 92 a 140 mm e de 35 a 70 gr de peso. O seu pelame ten unha tonalidade, bastante uniforme, de cor agrisada con tons pardos, rexión ventral de cor branca e os pés e a cola son monocolor, xeralmente esbrancuxados.
Habita as zonas montañosas dende o suroeste europeo até o sueste asiático. En Europa atópase nos grandes macizos montañosos, Alpes, Montes Tatra, Cárpatos, Balcáns e Cáucaso. Na Península Ibérica ocupa as principais zonas montañosas, aínda que a súa presenza non está confirmada en Portugal. En España ocupa a meirande parte dos Pireneos, chegando polo leste até Xirona, no norte peninsular aparece nas montañas galegas de Lugo e a serra dos Ancares, Picos de Europa, case toda a Cornixa Cantábrica e o País Vasco. Cara ao sur está presente na serra Cebollera e na serra de la Demanda (A Rioxa, Soria), nas serras de Gredos e Guadarrama, (Comunidade de Madrid e Guadalaxara) e en Sierra Nevada.