Son da Vella usa cookies.
Para o correcto funcionamento da páxina, Son da Vella utiliza cookies. Pode ver as condicións de uso da páxina facendo click aquí: CONDICIÓNS DE USO (Aviso legal)
Se continúa navegando enténdese que as acepta. Pode facer desaparecer esta mensaxe confirmando no seguinte botón:
Tipo:
Aves
HÁBITATS:
Pastos Brañas Infértiles
CORES: Negro, gris, branco.
NÚMERO DE PATAS: 2
É unha especie de ave paseriforme migratoria da familia das andoriñas que cría na Eurasia temperada e no norte de África e que pasa o inverno na África subsahariana e na Asia tropical. Aliméntase de insectos que atrapa voando e, por iso, migra a climas onde hai abundancia de insectos voadores. Ten as partes superiores do corpo e a cabeza negras, coa rabadilla e as partes inferiores do corpo brancas. Ten un aspecto semellante ás outras dúas especies de andoriñas do xénero Delichon, que son endémicas de Asia oriental e meridional. Recoñécense dúas subespecies.
Prefire os campos abertos con vexetación baixa, como pastizais, pradeiras e campos, preferentemente preto da auga, aínda que tamén se atopa nas montañas ata os 2200 metros sobre o nivel do mar. É unha ave moito máis urbana que a andoriña común e pode construír os seus niños no centro das cidades se o aire está suficientemente limpo. É máis probable atopala preto dos arboredos que ás andoriñas, xa que tamén utiliza as polas como atalaias para a caza de insectos. Esta especie normalmente non utiliza os canavais como perchas como fan as andoriñas. Realizan os seus niños con barro adosándoos nas zonas altas de paredes e beirís dos tellados; na natureza utilizan rochedos e penedos acantilados.
Durante a época de cría, distribúese por Europa, por Asia e polo norte de Marruecos, e despois dese período desprázase ao sur de África para pasar o inverno.
A andoriña de cu branco é estrictamente insectívora e adoita dar caza aos insectos no aire, ao igual que fan outros membros da súa familia. A técnica de captura consiste en voos acrobáticos de persecución, en grupo, os cales ocorren a unha altura intermedia entre a explotada pola andoriña común (zona baixa) e os voceiros (zona alta). Normalmente non caza a máis de 2 quilómetros do niño.
É unha ave ruidosa, especialmente nas súas colonias de cría. O macho canta durante todo o ano emitindo chirlos suaves e breves. A chamada de contacto durante o voo consiste nun chirrrp apagado e vibrante, e a chamada de alarma é un priit máis agudo e longo.
Tenden a criar en colonias, e os seus niños poden estar en contacto uns cos outros. O tamaño das colonias non adoita ser grande, normalmente teñen menos de dez niños, aínda que hai rexistros de colonias con miles de niños. Xeralmente poñen catro ou cinco ovos, que miden de media 1,9 x 1,33 cm e pesan 1,7 g. A femia realiza a maioría da incubación, que normalmente dura de 14 a 16 días. Os pitos recén nacidos son altriciais, e deixarán o niño tras 22 a 32 días, dependendo do clima. Os xuvenís voadores quedan unha semana máis tras deixar o niño cos seus pais que seguen alimentándoos. Xeralmente crían a dúas niñadas cada ano. O niño é reutilizado para a seguinte niñada, e é reparado e usado de novo en anos sucesivos. A maioría non sobrevive máis de cinco anos. Durante varias semanas despois de deixar o niño, os xuvenís reúnense en bandadas que van aumentando en número a medida que avanza a tempada e que se poden ver en árbores, tellados e nos cables xunto ás andoriñas.
A pesar de que a andoriña de cu branco é cazada polo alcotán (Falco subbuteo), as súas grandes habilidades voadoras permítenlle evitar á maioría dos depredadores. Ten parasitos externos como pulgas e ácaros, entre os que se atopa a Ceratophyllus hirundinis, e parasitos internos como o Haemoproteus prognei (causante da malaria aviar). Un estudo realizado en Polonia mostrou que os niños podían conter máis de 29 especies distintas de parasitos externos, os máis abundantes son Ceratophyllus hirundinis e Oeciacus hirundinis, aínda que en cantidades inferiores a outras especies de aves.
A súa ampla distribución e o gran tamaño da súa poboación fan que non estea ameazada de extinción globalmente.