
O leirón careto (Eliomys quercinus) é unha especie de roedor esciuromorfo da familia Gliridae. É un pequeno roedor que presenta as características morfolóxicas do resto de leiróns.
É un roedor de tamaño mediano cuxa lonxitude, excluíndo a cola, oscila entre 10 e 17 cm. De complexión reboluda e cunha pelaxe contrastada que presenta unha coloración pardo-avermellada no lombo e branca na parte inferior. Na cabeza destacan dúas orellas prominentes e dúas características manchas negras que se espallan dende os seus grandes ollos cara a atrás, a semellanza dun antiface, e que son a causa do seu nome. Mans con cinco longos dedos, que lle permiten rubir doadamente ás árbores.
Posúe ademais unha longa cola, cuxa lonxitude oscila entre 9 e 13,5 cm, rematada nun penacho de pelos máis longos, o cal pode desprenderse se é collido por un depredador e rexenerarse logo (aínda que non hai posibilidade de renovación do óso, como nas lagartas). Non presenta dimorfismo sexual, fóra das mamas (catro pares) que son visibles nas femias durante a etapa de lactación.