
O ourizo cacho ou ourizo cacheiro (Erinaceus europaeus) é un mamífero insectívoro que abunda nas fragas galegas e nas pradarías que teñen arbustos, sebes e valados onde agocharse. O adxectivo cacho aplícase a calquera animal ou planta que se envolve sobre si mesmo. Tamén recibe os nomes de porco espiño, que non se debe confundir co roedor histrícido que ten ese mesmo nome, cachourizo e, simplemente, ourizo ou orizo
Os adultos poden chegar a pesar máis dun quilo. A súa característica máis rechamante son as pugas ou espiñas de que está revestido. Os músculos cutáneos permítenlle envolverse e formar unha bóla de pugas contra a que os seus inimigos naturais son impotentes. Ás veces é presa de cans, raposos, porcos teixos, lamotes ou curuxas.
Non teñen pescozo e os seus ollos son pequeniños. As orellas son redondeadas e o fociño aguzado. A súa dentamia componse de 36 pezas. As súas catro patas son curtas, teñen 5 dedos e están providas de fortes unllas. Ten un rabiño pequeno. Os machos son máis grandes que as femias, e o abdome é dunha cor parda máis clara que as pugas. As femias poden ser tamén da cor da cinza.
Acceder - Rexistrarse


