
A aguaneira, tamén chamada rato de almiscre, furapresas, toupeira da auga ou toupa de río, (Galemys pyrenaicus) é unha especie de mamífero soricomorfo da familia Talpidae que habita nas zonas montañosas do norte da Península Ibérica e sur de Francia. É un insectívoro semiacuático que habita as proximidades de regatos e torrentes, de hábitos principalmente nocturnos, cuxa signo de identidade máis característico é o seu fociño con forma de trompeta.
A aguaneira aseméllase anatomicamente a outros animais como a rata, a toupa ou o furafollas. De aí lle veñen os sobrenomes de rata de auga, toupa de auga etc.
As patas traseiras lembran as da rata; son robustas e áxiles, e úsaas para moverse axiña pola auga. A parte dianteira do corpo é semellante á dunha toupa; as patas dianteiras están adaptadas para escarvar buracos e facer tobeiras onde criar a súa prole e poñerse a salvo dos seus predadores. O fociño é semellante ao do furafollas, cunha trompa moi desenvolvida que lle serve para atopar as larvas das que se alimenta. É un órgano moi perfeccionado, indispensable para a súa supervivencia, e posúe unha glándula de almiscre no arranque caudal.