A xeneta, rabilongo, algaria, gato algario, gato de algalia ou rabisaco (Genetta genetta) é unha das dúas especies de vivérridos que se poden atopar actualmente en Europa xunto coa mangosta.
A xeneta está presente en España (incluídas as Illas Baleares), Portugal e Francia e semella estar en expansión cara ao norte e o leste do continente. Tamén se atopa en Oriente Medio e todo o continente africano, coa excepción das zonas desérticas. Crese que a súa presenza en Europa é recente e que foi introducida polo ser humano de xeito talvez involuntario, como mascota que se asilvestrou ou coma simple polisón nalgún dos barcos que sempre cruzaron o Estreito de Xibraltar. Algúns autores apuntaron a que a palabra xeneta podería proceder da palabra de orixe árabe (zenete), pois os musulmáns que guerreaban a cabalo durante a Reconquista adornaban a súa cadeira coas peles deste animal, e que por iso chegaría coa conquista árabe de España no século VIII. Con todo, esta teoría goza de pouco prestixio na actualidade e crese que a súa introdución sería máis temperá. Tense constancia de que os romanos tiñan xenetas como mascotas nas súas domus, antes de que os gatos domésticos fosen importados desde Exipto, e que en tempos de Augusto introduciuse nas Baleares un misterioso animal baixo o nome de ictis para que acabase coa praga de coellos cimarróns que entón infestaban as illas. Dado que o gato non era coñecido por este nome e nas Baleares non existen indicios do meloncillo ou outras mangostas, tal animal só puido ser a xeneta ou, algunha especie de marta.
Polo seu aspecto externo, a xeneta aseméllase a un gato alongado de pelo amarelado a agrisado salpicado de pintas negras no corpo e raias na cola, que ten o pelo máis longo. O corpo pode chegar aos 55-60 centímetros, lonxitude que iguala ou supera a cola. A altura na cruz é de 20 centímetros, e o peso oscila entre 1'2 e 2'5 quilos.