
O leirón rabudo, leirón gris ou leirón rilón (Glis glis) é unha especie de roedor esciuromorfo da familia Gliridae, común en Europa.
É un pequeno roedor pero de tamaño considerable se o comparamos cos ratos e as toupas pequenas, chegando a acadar unha lonxitude de 13 a 20 cm, máis a cola duns 11 a 17 cm. As orellas miden ao redor de 25 e 32 mm, mentres que os ollos están entre 15,7 e 21 mm. O peso oscila entre os 75 e 220 g.
Posúe un suave pelaxe de cor gris prateada no lombo e a cola, tornando a unha cor gris escura, case negra, tan só unha fina franxa en torno aos ollos, sendo de cor branca por baixo (ao longo de toda a parte inferior). Na súa cara resaltan os seus ollos (negros, redondos, grandes e saltóns), o seu nariz (dun ton rosado) no medio dun pequeno fociño poboado de longos bigotes, e unhas grandes orellas que destacan á primeira ollada. A cola é case tan longa como o resto do corpo, tupida, toda ela poboada de abondosa pelaxe, formando unha capa uniforme. As femias teñen doce mamas, ou o que é o mesmo, seis pares de mamas, presentando dúas pectorais, dúas abdominais e dúas inguinais. A fórmula dentaria deste leirón, é 1.0.1.31.0.1.3. O número de cromosomas para esta especie é (2n) = 62.