
A lebre ibérica (Lepus granatensis) é unha especie de mamífero lagomorfo da familia Leporidae que só se atopa na Península Ibérica (coa excepción de Cantabria e os territorios situados ao norte do río Ebro) e a illa de Mallorca, onde foi probablemente introducida hai séculos e na actualidade é moi rara. Nalgunhas zonas de Galicia e León a súa distribución pode solaparse coa da lebre de piornal, propia dos montes de León; tamén se cita a súa presenza nalgúns xacementos do Plistoceno de Cataluña central, onde conviviría coa lebre europea, pero tales identificacións son cuestionables. Certas clasificacións antigas consideran a lebre ibérica como unha subespecie da lebre mediterránea ou do Cabo (Lepus capensis).
A ibérica é a máis pequena das lebres que se poden atopar actualmente en España. O corpo mide ao redor de 45 centímetros, máis 10 de cola, e o peso varía entre os 2 e 2,5 quilos. O pelo é curto e de cor parda-avermellada, entreverado de negro no lombo, e branco no fociño, fazulas, bandullo, parte das patas (pés e parte superior, sendo o resto pardo) e a cola. O extremo das orellas e o dorso da cola son negros. A lebre ibérica diferénciase tamén por algunhas características da arquitectura do cranio, entre as que se atopa o ter os incisivos superiores máis inclinados cara a dentro. Os individuos de ambos os dous sexos son difíciles de diferenciar á primeira ollada, aínda que polo xeral as femias son de tamaño lixeiramente superior.
O hábitat requirido pola lebre ibérica é sumamente variable, pero polo xeral aberto e máis ou menos chan. Habita por igual en marismas que en praderías secas, ao nivel do mar ou en praderías de alta montaña, en chairas herbáceas ou cubertas de matogueira ou árbores baixas. Adáptase sorprendentemente ben ao impacto humano sobre o ambiente, ata o punto de que non é estraño vela en campos de cereais, hortas, oliveirais ou viñedos. Nestes últimos lugares adoita ser perseguida porque devora os froitos e gromos das plantas cultivadas, ademais de polo seu valor cinexético. Porén, é unha especie non ameazada, polo menos na Península Ibérica.