
animal mamífero pertencente á orde Carnivora
A lontra ou londra (Lutra lutra) é un animal mamífero pertencente á orde Carnivora e á familia dos mustélidos. Ten unha distribución principalmente eurasiática, incluíndo Galicia. É o membro da subfamilia das lontras (Lutrinae) de máis ampla distribución, e encóntrase en vías fluviais e costas de Europa, moitas partes de Asia e partes do norte de África. Come principalmente peixes e é fortemente territorial. Está en perigo en parte da súa área de distribución, pero está recuperándose noutras. Non se debe confundir coas lontras americanas do xénero Lontra, actualmente clasificadas separadas do xénero do Vello Mundo Lutra, ao que pertence esta especie.
Esta londra eurasiática é unha especie típica da súa subfamilia. É un animal longo e delgado de hábitos acuáticos, de cor marrón por arriba e crema por debaixo. Os seus ósos mostran osteosclerose, incrementando a súa densidade para reducir a flotabilidade. Esta lontra difire da Lontra canadensis norteamericana polo seu pescozo máis curto, cara máis larga, maior espazo entre as orellas e cola máis longa. Porén, a especie eurasiática é a única lontra que hai en gran parte da súa área, polo que raramente se pode confundir con outro animal. Normalmente, esta especie ten unha lonxitude de 57 a 95 cm, sen contar a cola, que mide outros 35 a 45 cm. A femia é menos longa que o macho. O peso seu medio é de 7 a 12 kg, aínda que ocasionalmente un macho vello grande pode acadar os 17 kg. O maior espécime rexistrado en fontes fiables pero non verificadas, pesaba uns 24 kg. Ese animal posúe unha pelaxe con dúas capas, unha externa impermeable e outra interna usada para o illamento térmico. Deste xeito pode mergullarse frecuentemente e durante longo tempo para buscar alimento. O corpo é hidrodinámico, preparado para nadar a alta velocidade. De vista reducida, pecha os oídos e o nariz cando se mergulla, polo que confía moito no tacto dos seus bigotes para pescar, que lle permiten detectar pequenas vibracións da auga en condicións difíciles. Xeralmente a lontra ten hábitos nocturnos, durmindo de día na marxe do río e espertando de noite para buscar alimento. Os grupos sociais están formados polas femias e as súas crías. Os machos non viven en grupos e só se xuntan coas femias na época de procreación.