
O muflón, tamén chamado carneiro bravo, (Ovis musimon ou Ovis aries musimon) é un gran artiodáctilo da subfamilia Caprinae que se pode atopar en moitas partes de Europa. Curiosamente, extinguiuse hai milenios deste continente por mor da caza excesiva e as mudanzas climáticas, quedando relegado ás illas de Córsega, Sardeña e Chipre, tendo sido introducido con fins cinexéticos nesta última illa durante o Neolítico. En séculos posteriores volveu ao continente de man do home, onde se adaptou perfectamente e hoxe en día é unha especie en expansión, sobre todo nas zonas montañosas. En tempos recentes levouse tamén ás illas Canarias, Estados Unidos, Nova Zelandia, Hawai e numerosos coutos de caza en todo o mundo, ata en lugares tan afastados como Chile. Crese que este animal deu orixe á ovella doméstica (Ovis aries), logo de ser domesticado en Mesopotamia cara ao 9000 a. C.
O muflón é un animal bastante grande que pode pesar ata 50 quilos. Aseméllase a unha ovella estilizada de patas e pescozo proporcionalmente máis longos. A la é moito máis curta e de cor parda escura, volvéndose esbrancuxada no fociño, ollos, metade inferior das patas, glúteos e ventre. Os machos son máis grandes e robustos cás femias e están dotados de grandes cornos que se curvan a ambos os dous lados da testa; as femias, en cambio, non presentan cornos ou os teñen de moi escasa lonxitude. No inverno, os machos desenvolven nos costados unhas manchas brancas que non aparecen nos individuos do outro sexo.
Trátase dun animal social que vive en pequenos grupos familiares no caso das femias e as súas crías (unha por parto), aos que se engade un macho na época de celo que é solitario o resto do ano. Para poder incorporarse a unha destas mandas, os machos deben medir antes as súas forzas con outros rivais, batendo os seus cornos violentamente. A bóveda cranial está reforzada para diminuír os efectos do impacto, pero isto non logra evitar un leve atordoamento dos contendentes tras un golpe especialmente potente.
Acceder - Rexistrarse


