
A lagarta dos penedos (Podarcis hispanica) é unha especie de réptil escamoso da familia dos lacértidos, unha das numeroas integradas no xénero Podarcis, que vive na maior parte da Península Ibérica, incluída Galicia (agás no norte), norte de África e sueste de Francia, onde segue o curso do Ródano ata Lión. Algunhas poboacións habitan en illotes achegados ás costas ibéricas como, por exemplo, as Illas Columbretes (onde existe a subespecie endémica P. h. atrata) ou algunhas illas galegas.
O seu nome científico tradicionalmente é Podarcis hispanica, pero non está claro se a palabra Podarcis é masculina ou feminina. Algúns considérana masculina e, nese caso, o nome científico sería Podarcis hispanicus.. A Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica dictaminará cal é o nome aceptado.
É a menor das tres especies de Podarcis que se encontran en territorio galego. O rango de tamaños máis común entre os machos varía entre 4,2 e 5,9 cm da punta do fociño á cloaca, aínda que algúns individuos poden acadar os 6,5 cm. As femias, máis pequenas e gráciles, miden de 4,1 a 5,7 cm. O rabo pode chegar aos 10 cm, practicamente o dobre que o resto do corpo. Igual que noutros réptiles emparentados, parte do rabo despréndese e móvese freneticamente cando é atacada por un depredador, permitindo que a lagarta lisque. Ademais de no tamaño e a corpulencia, os machos diferéncianse das femias pola súa cabeza masiva, triangular e de escamas máis marcadas, e pola maior lonxitude das patas, sobre todo as traseiras.
Acceder - Rexistrarse


