
A lagarta cinsenta ou cincenta (Psammodromus hispanicus) é unha especie de lagarta da familia Lacertidae, que vive en Francia, Portugal e España e forma parte da fauna de Galicia, aínda que aquí é moi escasa. Viven principalmente en áreas secas e abertas de clima mediterráneo.
Son lagartas pequenas, as menores da herpetofauna galega. Poden ter 50 mm de longo sen contar o rabo, o cal ten unha lonxitude 1,5 veces a do resto do corpo, polo que a lonxitude total con rabo pode chegar a 120 a 130 mm. Cando eclosionan miden só de 20 a 25 mm.
O corpo é delgado cunha pequena cabeza bicuda, e con patas traseiras grandes e moi longas, e rabo delgado. As escamas dorsais teñen quilla e están imbricadas. As do ventre son imbricadas pero sen quilla. A coloración é xeralmente marrón escura, marrón olivácea ou vermello escura ou cor de óxido con moitas manchas irregulares claras, bandas e liñas, especialmente nos flancos. Estas tamén aparecen no dorso, onde xeralmente teñen moitas pequenas bandas brancas beireadas de cor escura. O ventre é amarelado. As femias son máis grandes en primavera porque están cargadas de ovos. Emiten sons agudos cando son capturadas e poden morder; tamén chían durante a cópula. Os machos son máis pequenos que as femias pero de cabeza máis granade. Están activos de día.
Acceder - Rexistrarse


