
A víbora fociñuda (Vipera latasti ou Vipera latastei) é unha especie de víbora presente na Península Ibérica e no norte do Magreb. Pode acadar os 70 cm de lonxitude. É a víbora máis frecuente na Península Ibérica, abarcando todo o territorio agás o extremo norte e os Pireneos. É rara en Galicia, sendo substituída pola víbora de Seoane.
É a que conta coa pezoña menos tóxica das tres especies presentes na Península Ibérica, e aínda que a súa chantada non é mortal, cómpre de asistencia sanitaria para un tratamento axeitado, e se fose realmente necesaria, a aplicación dun soro antipezoñoso ou antiofídico.
Existe certa confusión sobre o nome científico desta especie. Boscá (1878) describiuna coma Vipera latasti, aínda que no pé da figura do seu traballo denomínaa Vipera latastei. O ano a seguir o propio Boscá (1879), utilizou a combinación Vipera latastei, o que foi considerado unha emenda xustificada (McDiarmid et al., 1999). Pola súa banda David e Ineich (1999) consideran que son os primeiros revisores e elixen V. latastei. Porén, Alonso-Zarazaga (1998) e Montori et al. (2005) consideran que o uso de V. latastei por Boscá en 1879 é un lapso e que debería utilizarse V. latasti, nome que ten sido utilizado por varios autores.
Acceder - Rexistrarse


