A cobra de Esculapio (Zamenis longissimus) é unha especie de cobra da familia Colubridae. A súa zona de distribución forma parte do Paleártico de Europa e do occidente de Asia. Cunha lonxitude de até 2 metros, atópase entre as meirandes cobras europeas, aínda que non é tan masiva como Elaphe quatuorlineata ou a cobra rateira. A serpe de Esculapio tivo unha grande importancia cultural e histórica polo seu papel na antiga mitoloxía grega e romana e o simbolismo derivado destas.
Habita en gran parte da metade sur de Europa: dende a costa atlántica até os Balcáns, chegando a algunhas zonas de Turquía e tan lonxe como Irán. Na Península Ibérica só se atopa na zona dos Pireneos e nalgunhas zonas da Cordilleira Cantábrica.
En maio de 2020, a Sociedade Galega de Historia Natural publicou na revista Braña o avistamento da especie en Galicia por primeira vez. A cita foi realizada por Jesús María Fariñas Álvarez no concello Nogueira de Ramuín, preto da beira do río Sil, nunha zona de castiñeiros.
Acceder - Rexistrarse


