DESCRICIÓN:
É unha especie da familia Brassicacea, que se caracteriza por ter 4 pétalos en cruz, por iso se lles chama crucíferas. Pertencen tamén a ela moitas especies comestibles como: repolo, berza, grelos, mostaza, rúcula, rábano, ...
Pódese atopar en case todo o mundo (Subcosmopolita) e foi moi importante na investigación xenética ao ser a primeira especie vexetal á que se lle secuenciou o seu xenoma completo, no ano 2000. As razóns: o pequeno número de cromosomas 2n=10, dos cales poucos son secuencias repetidas; e o curto ciclo de vida, no laboratorio de 8 a 10 semanas, o que fai que poidan estudiarse as mutacións entre xeracións e a autopolinización.
O seu hábitat atópase en campos cultivados ou non labrados, xeralmente en terreos areosos ou secos, inda que tamén se pode atopar en terreos alterados, beiras de camiños, muros, xardíns...
É unha especie de ciclo curto, cun talo de 4-40 (70) cm. Follas basais en roseta persistente, oblongo espatuladas, atenuadas en peciolo, coa marxe de enteiro a sinuado crenado; as follas caulinares máis pequenas e de borde enteiro. Ten pequenas flores de 2-4mm de diámetro e, como todas as crucíferas, con 4 pétalos e 4 sépalos e froitos en silicua, esta linear de 5-20 (30)mm.
Etimoloxía:
-Arabidopsis: do xénero Arabis, e do grego ὄψις ópsis (aspecto, aparencia): semellante ás plantas dese xénero.
Arabis: para algúns, o nome referiríase a Arabia, lugar improbable de orixe deste xénero; para outros, como Linneo, referiríase a Arabia só para definir o hábitat árido e pedregoso dalgunhas especies. Parece máis plausible que simplemente retome o nome xa en uso que, segundo o botánico flamenco R. Dodoens (1518-1585), deriva dunha interpretación errónea dalgúns manuscritos de Dioscórides, onde o nome Δράβη Drábe Draba, crucífero con porte similar, sería lido como Αράβη Arábe e posteriormente corrompido en Aραβίς Arabís.
-Thaliana: especie dedicada ao botánico alemán Johannes Thal (Thalius 1542/3-1583), médico e pioneiro da botánica en Alemaña, autor de Sylva Hercynia sobre a flora das montañas ao norte do Danubio e ao leste do Rin.