DESCRICIÓN:
Esta pequena especie que acada ata 15 cm de alto pode verse en Galicia en montes, bosques, matogueiras e ribeiras.
Pode diferenciarse doutra parecida por ter as follas da base en disposición oposta ou suboposta, mentres que a Polygala vulgaris tenas alternas e é menos común.
As flores, pequenas pero moi vistosas, adoitan ser azuis inda que tamén as hai (pero máis raro) rosas ou brancas.
Polygala: do prefixo grego πολυ- poly (moi, moitos) e de γάλα gála (leite): porque se cre que como forraxe favorece a produción de leite.
Serpyllifolia: de serpyllum, en grego ἕρπυλλον hérpyllon (tomiño), pola semellanza das súas follas coas do tomiño.