DESCRICIÓN:
Este complexo é do máis sorprendente polo número de elementos relacionados cos cultos pagáns. Podemos diferencialo en tres montículos ou grupos.
O primeiro e máis chamativo é un pequeno grupo de pedras cun burato no medio que parece feito a man. Un burato polo que pasa apenas unha persoa e que ten unha orientación Norte-Sur. Neste montículo atopamos no lado norte (con máis incidencia da erosión do vento) unha caras "esculpidas" na pedra. Xa foran feitas por mans humanas ou polo vento o certo é que se trata dunha marabilla moi singular.
O segundo grupo é un outeiro orientado ó Leste con moitos indicios de terse dedicado a rituais. Cazoletas e pedras singulares, así como retoques nas rochas complementan un espazo de posible adoración.
O terceiro montículo está formado por un conxunto de rochas con forma de ave. A semellanza cun paxaro é indiscutible e dálle moita máis singularidade a todo o complexo.