DESCRICIÓN:
Trátase dunha cova granítica con amplo espazo no interior. O teito presenta uns ocos moi chamativos (de orixe natural). A situación tan preto do río é xusto nunha zona moi peculiar: ó outro lado encóntrase unha gran rocha con moitas cazoletas (parecen naturais) con certas historias asociadas (no lado de Xeve). Pode tratarse dun simple abrigo de orixe natural ou formar parte dun conxunto máis amplo.
Dende logo paga a pena a súa visita e non só pola propia cova senón tamén polo entorno no que se atopa. Moita xente acércase á praia fluvial de Calvelo e á ponte colgante sen saber a marabilla natural que hai a poucos metros, iso si, cun acceso algo difícil, quizais a causa do descoñecemento ou subestima do lugar.