DESCRICIÓN:
O espazo natural da ponte colgante de Soutomaior está rodeado por unha densa vexetación de beira de río con meandros secos cheos de cantos rodados e unha pequena praia fluvial de areas finas. O máis sorprendente é a unión do Oitavén co Verdugo. Este contorno coñécese como "A Poza das Bestas", pois ofrece as condicións naturais para gozar dun baño agradable e tranquilo baixo as espectaculares vistas que nos brinda a ponte colgante de Soutomaior.
Esta estrutura suspendida a 6 metros sobre a superficie do río foi, desde os seus inicios, un paso obrigado para veciños e pescadores. A estrutura da ponte atópase en moi bo estado e as táboas do chan foron renovadas recentemente. Un estado óptimo que permite o paso e o desfrute de tódolos veciños e visitantes que se achegan ao longo do ano.