Son da Vella usa cookies.

Para o correcto funcionamento da páxina, Son da Vella utiliza cookies. Pode ver as condicións de uso da páxina facendo click aquí: CONDICIÓNS DE USO (Aviso legal)
Se continúa navegando enténdese que as acepta. Pode facer desaparecer esta mensaxe confirmando no seguinte botón:

 IDIOMA:
 Padriños
 Diseño de rutas
Benvido a Son da Vella. Esta páxina está orientada a ensinar o medio natural e humano de Galicia.
Son da Vella

Tódolos venres estreamos contido.

Nº 1

01-11-2019


Son da Vella comeza a súa andaina.

Cun repertorio de artigos, imaxes, vídeos, fotos en 360 graos... que non deixarán indiferente a ninguén.


Estreamos cun Roteiro inédito, orixinal, cargado de connotacións históricas, tradicionais e máxicas:

Ruta Outeiro dos Mouros de Ponte Caldelas

Unha marabilla que deixará anonadados tanto a eruditos coma profanos. Calquera cun mínimo de sensibilidade quedará abraiado co que esconde unha das montañas máis máxicas da Nosa Terra.


Arrincamos con máis de 100 rexistros entre flora, fauna, fungos, rochas, ... que iremos incrementando convosco.

Aínda que comecemos cun pequeno catálogo de lugares só é un exemplo do que en total iremos incorporando. Centramos a nosa atención tanto en grandes construcións como nos elementos máis pequenos. Intentaremos non deixar nada atrás.

Incluímos un repertorio de historias relacionadas cos nosos lugares. Non só relatos históricos, senón populares, tradicións, cantigas... catalogaremos todo o que poidamos para que non caia no esquecemento.
En Son da Vella intentamos, ante todo, ser obxectivos, por iso evitamos facer baremos de importancia. O que para alguén é irrelevante para outro é vital. Por iso facemos incisos en pequenos detalles que a priori se poderían pasar por alto.


Esta páxina está realizada co propósito de achegar o coñecemento do medio no que habitamos a tódalas persoas da maneira máis sinxela e directa.


Esta semana presentámosvos 12 rexistros relevantes que non teñen desperdicio. 

Comezamos coa Ruta Outeiro dos Mouros pola Rega do Inferno. Este gran descubrimento de Son da Vella  tivo lugar mentres realizabamos un estudo sobre a flora, fauna, fungos e rochas nesta zona. Grazas ás conversas que tivemos cos veciños, achamos que no nacemento da Rega do Inferno hai unhas covas naturais pero con lendas asociadas. Inda que os camiños estaban bastante abandonados conseguimos acceder á zona e foi unha sorpresa tras doutra o que nos atopamos. Ata o día de hoxe levamos vistas máis de 20 covas graníticas e outras tantas rochas singulares, cazoletas... Moitas presentan signos de seren traballadas polo home sen poder precisar pero tampouco descartar ningunha época. O lugar é dunha beleza singular e o roteiro foi ideado para optimizar o tempo, e poder visitar covas e lugares da zona con pouco perigo e dificultade, o que é un comezo para coñecer o gran complexo de Outeiro dos Mouros e Coto do Inferno. De momento, entra no rexistro que está máis abaixo para saber máis da ruta e os lugares que o compoñen.

O seguinte que traemos é a primeira das covas da Ruta Outeiro dos Mouros pola Rega do Inferno. Desta cova non coñecemos aínda o nome, pero estrañaríanos que non o tivera. Esta cova traballada polo home con moitas peculiaridades invítanos a soñar, máis cando é a primeira que encontramos ao entrar na Rega do Inferno. 

Do mundo dos bechos falamos do raposo, un dos animais máis míticos da nosa terra. Animal fermoso, astuto e ten asociado moitas tradicións e lendas. As imaxes nocturnas móstrannos un animal moi activo e de costumes. Con el, traemos a cesteira do millo, un dos arácnidos máis rechamantes do noso monte. Un animal precioso e inofensivo que caza no noso territorio dunha maneira letal e implacable.

Non podía faltar un dos edificios máis interesantes de Pontevedra, a Basílica de Santa María, un exemplo de arquitectura e arte do máis alto nivel. E na contra está Arufe unha aldea abandonada fai máis de 50 anos, pero posuidora dun encanto que o paso do tempo incrementa, ó igual que os bosques de carballos que a circundan.

Como representantes do reino do fungos falaremos de dous moi singulares. Un é o Polbo de Monte, só hai que velo, semellante ás patas dun polbo que saen da terra; é moi singular e bastante común encontralo. E o outro, o Brincabois, un dos cogomelos máis coñecidos a nivel mundial, moi asociado a lendas e trasnos. É quizais un dos fungos máis relevantes na historia e esconde moitas curiosidades que debedes coñecer.

Por último, concentrámonos nunha rocha moi relevante, o granito rosa de Porriño. O granito está composto de cuarzo, feldespato e mica. O cuarzo é un mineral que tamén analizamos. O feldespato e a mica son un grupo de minerais dos cales aparecen varios na sección de rochas.

Isto son os artígos máis relevantes da semana pero temos máis, non dubides en visitar as diferentes seccións, encontrarás datos moi interesantes. Nós seguiremos traballando para traer cada venres novas fichas, vídeos, fotos, relatos, historias e toda a información que poidamos desta terra.


Como colofón final transcribimos un parágrafo do Antropólogo Rafael Quintía Pereira, presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) unha asociación que loita por un coñecemento máis profundo da nosa cultura. Este nolo remitiu trala visita a Outeiro dos Mouros, e non lle podemos estar máis agradecidos pola atención prestada.

O complexo granítico do Outeiro dos Mouros
 

A xeografía granítica que conforma o Outeiro dos Mouros é unha espectacular paisaxe montesía que se estende nas esgrevias marxes da Rega do Inferno, no concello de Ponte Caldelas, xusto por baixo do enigmático xacemento arqueolóxico coñecido como as Ciradellas, no alto do Coto do Inferno.

Este enclave atesoura un interesante complexo de covas graníticas que, non só ten un grande valor natural pola súa particular xeoloxía, senón tamén polo seu uso ao longo da nosa historia. Algunha destas cavidades presentan claras evidencias de manipulación antrópica e outras foron, directamente, transformadas en construcións de orixe e uso incerto, pero de gran interese arqueolóxico -ou cando menos etnográfico- polas súas estruturas feitas por muros, portas e outros elementos mobles significativos que se poden observar no interior dalgún destes abrigos.  

Esta contorna, ademais, é escenario de varios relatos mitolóxicos que teñen por protagonista a algúns dos elementos que a configuran, como é o caso do Muíño do Inferno e os relatos que, ao longo do tempo, se foron tecendo ao redor desta misteriosa cova da Rega do Inferno. Un material lendario que reforza o valor antropolóxico do lugar e que nos fala dun uso e humanización da paisaxe que, a todas luces, vén dende a antigüidade. Xa que logo, estamos ante un espazo que combina o valor natural e xeolóxico co valor etnográfico e histórico. 

Non podemos máis que congratularnos por que se dea a coñecer este interesante espazo natural e humano. E non nos queda máis que desexar que, nun futuro, sexa obxecto do estudo arqueolóxico e antropolóxico que se merece.
 

Rafael Quintía
Antropólogo     

 

E a vindeira semana:

O próximo venres haberá máis novidades, e se pensades que Outeiro dos Mouros é insuperable atendede ben á seguinte fotografía:

 

¿Que pensariades se isto fose a fachada dunha cova granítica con manipulación polo home? 
Terá uns 5 metros de altura e na parte de atrás está a cova.
Outro caso dun ben ignorado dunha beleza espectacular.

 

Seguiremos publicando máis artigos, estrearemos seccións, manteremos as investigacións sobre os elementos catalogados e moitas sorpresas, informacións e novidades co seguinte número o vindeiro venres.

 

 

 

 

 

 

Recorda, todo isto non será posible sen ti. Unha pequena axuda pode significar que isto non remate e poida converterse no que todos desexamos.
Así que fai clic na imaxe e colabora :)
Ademais, poderás coñecer os nosos estreos antes que ninguén, participar en novidosos roteiros e moitas cousas máis.

Síguenos nas redes sociais

Artigos destacados
Praia fluvial Calvelo


Fotos destacadas
Nudosiña



Consellos para identificar

FLORA


FAUNA

FUNGOS

ROCHAS


Curiosidades
Descobre de que facían as bruxas a suas basoiras

Son da Vella recomenda:
  • Libros
  • Música
  • Documentais
  • Webs
  • Outros

  • Paraxe natural destacada
    Fervenza do río Verdugo

    Compartir en Facebook
    CONTACTO:
    Dispoñible por Whatsapp

    Motivos do contacto:
    Demostre a súa humanidade Son humano
    Suscríbete á nosa NEWSLETTER.
    Recibirás un email tódolos venres coas novas da semana.
    Necesitamos o teu email

    VISITA AS NOSAS REDES SOCIAIS:

    Síguenos e participa en promocións e rutas, recibe as nosas novas e un montón de cousas máis.

     

    Son da Vella® Tódolos dereitos reservados.

    Condicións de uso (Aviso Legal)

    O EQUIPO DE SON DA VELLA